Como e por que se fixo a RCD Faro
En xuño de 2026, o RC Deportivo deu a benvida á súa nova identidade corporativa, un proxecto moi especial no que tiven a sorte de participar deseñando as tipografías RCD Proa e RCD Faro.
Hoxe quero determe nesta segunda: contarche a pequena historia que hai detrás de RCD Faro, o proceso creativo e as decisións conceptuais que lle deron forma a este alfabeto.
Galicia Azul
A mediados de 2021, aínda coa máscara nas nosas caras debido á crise sanitaria do Covid-19, recibo a chamada de Gabi Barrós, daquela responsable de comunicación do clube, solicitándome unha colaboración para as futuras camisetas da temporada 22-23 que estaban a idear con Kappa. Foi aí que descubrín que ese proceso faise con un ano de antelación debido aos tempos marcados polo transporte e fabricación do material deportivo.
A premisa era que a nova colección estaría inspirada en Galicia e que cada camiseta levaría no colo o nome de cada unha delas: Galicia Azul, Galicia Verde e Galicia Atlántica. O meu traballo era ilustrar iso con unha forma de letra con clara esencia galega.
Que fai que unha letra sexa galega?
É unha pregunta con moi difícil resposta, ou polo menos non ten unha única resposta válida.
Non é habitual que un pobo se recoñeza e se identifique con unha forma de letra determinada. Os irlandeses identifícanse coa Uncial Insular (Cló Gaelach), un tipo de letra xurdido na súa illa e na veciña Gran Bretaña coa chegada do catolicismo. A súa pegada foi tan profunda que para eles esa era a forma «estándar» do alfabeto romano, e así é como aprendían a escribir na escola. Isto mantívose vivo ata 1964, cando o ministro de Educación, Patrick Hillery, promoveu a transición ao alfabeto latino estándar procurando a modernización e a integración internacional do país.

No noso caso ningunha forma de letra contou xamáis con ese respaldo institucional, pero si que temos algo quizais máis valioso: un imaxinario colectivo. En Galicia existen dous trazos inconfundibles coas que nos identificamos: a letra debuxada de Castelao e as liñas deseñadas dende o Laboratorio de Formas que acabou por ser a miña principal inspiración. Esas liñas con ADN galego foron a referencia esencial para deseñar o lettering do Dépor: memoria, deseño e orgullo nun mesmo trazo.
O resultado final presentouse no verán de 2022
Do lettering á familia tipográfica
Un ano máis tarde, a decisión clave tomouse tras unha reunión na Praza de Pontevedra («Pepón» para os máis novos): a nova tipografía corporativa do clube, o pilar sobre o que construír a nova identidade, tería a súa orixe no lettering de Galicia Azul.
O que veu despois foron máis de dous anos de traballo intenso para responder ás amplas necesidades de comunicación dunha institución como o Dépor. Do lettering orixinal naceu a primeira versión funcional, a Display: un alfabeto sen minúsculas, con formas rotundas e moi rechamantes, pensado para logotipos e grandes titulares. A necesidade de contar con minúsculas e deseños máis versátiles levou á creación da versión Headline, perfectamente combinable coa primeira. Finalmente, abordamos a versión para textos corridos e tamaños reducidos, dotando tanto a esta como á Headline das súas correspondentes variantes en itálica.
Tamén se levou a cabo a RCD Faro Slim, unha versión moi comprimida e coas microserifas xa non tan micro para facelas visibles en tamaños máis pequenos xa que se deseñou en principio a propósito para o redeseño do escudo do club que se estaba adaptando á toponimia oficial da cidade.



No plano técnico, as formas presentan moi pouco contraste (cunha diferenza imperceptible de grosor entre as hastas verticais e horizontais) que, en conxunto coas micro serifas, confiren á letra o aspecto de ter sido esculpida en pedra. Esta elección non é estética por casualidade: mantén viva a esencia da inspiración orixinal. Ata os pequenos detalles contan unha historia, como o punto central romboidal na letra O da versión Display, deseñado a propósito para evocar a marca deixada polo golpe dun cincel.
Por que RCD Faro?
O prefixo RCD cumpre unha función clara: identifica a tipografía como propiedade do Real Club Deportivo e organiza toda a familia tipográfica no menú do ordenador.
Escolleuse Faro durante o proceso de creación porque é un nome curto, moi fácil de pronunciar para calquera persoa do mundo (ou iso cremos) e porque foi o nome que unha vez tivo esta cidade.